Escavación 1972

Foi en 1972 cando, por mor dun estudo sobre microtoponimia, detectábase material arqueolóxico na zona coñecida como Medos e Adro. O erudito que promoveu o seu estudo foi D. Jesús Gómez Sobrino, párroco de Currás e, naquel tempo, precursor do Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño, que con sede en Tui, procuraba rescatar os materiais arqueolóxicos presentes en toda a comarca. 

 

O equipo completouse con dúas persoas máis: D. Xoán Martínez Tamuxe (Ver vídeoe D. Aquilino González Santiso, que coa colaboración de D. Manuel Fernández Rodríguez como director do proxecto arqueolóxico, obtiveron o permiso para a realización da escavación arqueolóxica que deu lugar o descubrimento da coñecida como villa romana de Currás.

 

Inicialmente centraron a súa investigación na necrópole tardorromana situada no lugar do Adro, deixando ao descuberto ata 20 tumbas de diferente morfoloxía e cronoloxía. Pouco ou nada máis sabemos a día de hoxe sobre estes enterramentos.

 

 

De novo, por casualidade, tras a caída dunha árbore no lugar, atopáronse novos indicios de ocupación a escasos metros da necrópole, onde apareceron materiais de construción propios de época romana. Neste caso, todo parece indicar que as estruturas descubertas correspondían a unha villa ou vivenda rural dun rico propietario de época romana que posuiría, nas proximidades, grandes superficies de terreo. A súa vivenda (pars urbana) veríase completada seguramente por outras edificacións (pars rustica) adicadas ás actividades vinculadas á explotación das súas propiedades.

 

 

Tras as actuacións arqueolóxicas que se realizaron entre os meses de Agosto e Setembro de 1972 e pese ás interesantes estruturas que se deron a coñecer, detivéronse definitivamente as escavacións, polo que o xacemento de Currás ficou no esquecemento ata a actualidade. 

 

Os mesmos autores da única publicación sobre os traballos arqueolóxicos realizados en Currás, insistían: "Confiamos que algún día, a la vista de lo expuesto, las autoridades competentes en la materia lo tengan en cuenta y se decidan a proseguir estas excavaciones que prometen aportar muchos datos de auténtico valor histórico y arqueológico"

(Gómez Sobrino, J., González Santiso, A., Martínez do Tamuxe, X. 1980: 338)

 

NOTA: Recortes de prensa cortesía de Martínez do Tamuxe, X.