Exposición

"Tomiño romano: O xacemento de Currás"

Do 25 de Outubro ó 9 de Novembro de 2014. Na casa Cultural do Concello de Tomiño

A exposición “Tomiño Romano: O xacemento de Currás”, é o resume do traballo realizado dende o ano 2013 por membros do Grupo de Estudios de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da facultade de Historia da Universidade de Vigo, dentro do proxecto de I+D conveniado co concello de Tomiño para “A investigación, recuperación e posta en valor dun patrimonio arqueolóxico non-esquecido”. O proxecto foi financiado polo Concello de Tomiño, coa inestimable colaboración da Comunidade de Montes de Currás e a Asociación Cultural Os Medos de Currás, así como coa fundamental implicación dos propietarios dos terreos que amablemente permitiron a actuación arqueolóxica levada a cabo en 2013 nos lugares coñecidos como Os Medos e O Adro na parroquia de Currás.

Dirixida polo profesor Titular de Arqueoloxía, Fermín Pérez Losada, e a profesora e investigadora Silvia González Soutelo, ambos do GEAAT da Universidade de Vigo, coa fundamental colaboración do equipo técnico formado polos investigadores Patricia Valle Abad e Martiño Vázquez Mato, contou coa participación de estudantes de arqueoloxía e historia da Facultade de Historia de Ourense, colaboradores locais, e outros investigadores que axudaron no estudo dos materiais arqueolóxicos atopados neste xacemento.

A exposición pretendeu presentar ós veciños de Tomiño e ó público en xeral a historia do xacemento romano e altomedieval descuberto en 1972 na parroquia de Currás polo equipo Arqueolóxico do Baixo Miño, que presenta un enorme interese para comprender a historia desta comarca. Nela se mostraron os resultados finais desta primeira fase dos traballos arqueolóxicos realizados polo equipo da Universidade de Vigo no ano 2013 no lugar de Currás, así como unha breve historia do xacemento e do contexto histórico no que se desenrolou, a partires do traballo de investigación e estudo arqueolóxico realizado nestes últimos anos.

Xunto coa explicación dos traballo realizados e unha breve historia deste enclave grazas ós paneis explicativos, presentáronse tamén unha selección dos materiais arqueolóxicos máis representativos do xacemento, non só daqueles obxectos descubertos na última intervención levada a cabo en 2013, senón tamén dos materiais xa recuperados no ano 1972 e que foron depositados na súa maioría no Museo Diocesano de Tui.

A exposición completouse con medios audiovisuais e con actividades didácticas para os nenos e as nenas dos colexios públicos do concello de Tomiño, como medio para que se aproximen á historia do seu concello, e coñezan de primeira man a riqueza histórica e arqueolóxica da súa comarca.

Igualmente, presentouse a publicación derivada desta exposición, onde se recolle de forma sinxela o contido da mesma, así como o catálogo dos materiais estudados do xacemento de Currás, como testemuña do traballo histórico e arqueolóxico realizado, e como documento para todos aqueles interesados pola súa historia.

Inaugurada o sábado 25 ás 19:00, estivo aberta ata o domingo 9 de Novembro en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, coa opción de visitas guiadas para aqueles grupos que así o solicitasen...

Esperamos disfrutárades da experiencia!!!!!!

Fotogalería: Exposición "Tomiño romano: O xacemento de Currás"